9.12.10

A mansión dos Pampín, no club de lectura

A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado, será a lectura proposta para a próxima sesión do club de lectura Auga da Laxe, que terá lugar o luns, 20 de decembro, de 15:00h a 17:00h. Nesta ocasión achegarémonos a un álbum de banda deseñada no que se fala de caos urbanístico e de feísmo arquitectónico en clave de humor, unha interesante proposta que formou parte do Proxectoterra, promovido polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Na biblioteca tedes exemplares ao voso dispor. Tamén se pode ler aquí e mesmo pode verse en Vimeo unha versión dramatizada, realizada desde o IES Ferrolterra.

8.12.10

Homenaxe a Mario Vargas Llosa

Mañá, 10 de decembro, Mario Vargas Llosa recibirá en Estocolmo o premio Nobel de literatura. Con el xa son once os escritores de fala hispana que acadan este galardón.
No Punto de Lectura que a biblioteca ten na planta baixa do instituto temos esta semana unha pequena selección de fragmentos das novelas máis significativas do escritor peruano e, ao seu lado, breves biografías acompañadas de textos dos dez autores, españois e latinoamericanos, que o antecederon.


Deixámosvos tamén un fragmento do discurso de Vargas Llosa:

“Seríamos peores de lo que somos sin los buenos libros que leímos, más conformistas, menos inquietos e insumisos y el espíritu crítico, motor del progreso, ni siquiera existiría. Igual que escribir, leer es protestar contra las insuficiencias de la vida. Quien busca en la ficción lo que no tiene, dice, sin necesidad de decirlo, ni siquiera saberlo, que la vida tal como es no nos basta para colmar nuestra sed de absoluto, fundamento de la condición humana, y que debería ser mejor. Inventamos las ficciones para poder vivir de alguna manera las muchas vidas que quisiéramos tener cuando apenas disponemos de una sola”.

28.10.10

Nós tamén navegar...

Baixo a sombra dos recortes de profesorado e da redución de horas, o proxecto de actividades da nosa biblioteca comezou a navegar neste inicio de curso. Chegaron as novidades máis fresquiñas aos nosos andeis, comezou a hora de ler, abriu de novo o recanto da poesía e celebramos esta semana o Día das Bibliotecas coas visitas á biblioteca do alumnado de 1ºESO. Tivemos tamén unha xuntanza inicial de presentación do club de lectura, que celebrará a súa primeira sesión presencial o luns 20 de decembro.

Deixámosvos aquí o cartel de Marina Seoane co que Asesoría de Bibliotecas Escolares nos agasalla neste comezo de curso para lembrar que a biblioteca escolar ofrece un mundo de posibilidades. Tamén desde a asesoría presentan, como é habitual nestas datas, os III Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia, onde estaremos os días 29 e 30 de outubro.

O barco comeza a andar amodiño, á espera de ventos máis favorables. Que teñamos unha boa travesía!

9.7.10

Excursión bibliotecaria a Porto



O 21 de xuño de 2010 realizamos co alumnado que participou no club de lectura e nas outras actividades de dinamización da biblioteca unha excursión á cidade do Porto co seguinte programa de actividades: visita guiada á Biblioteca Almeida Garrett, obradoiro Poesía e astronomía coa escritora e profesora Regina Gouveia e visita á Biblioteca Pública Municipal do Porto. Ademais, mentres o alumnado e unha parte do profesorado realizaba unha visita á cidade, a profesora coordinadora do proxecto da biblioteca mantivo un encontro con máis de 30 profesores e profesoras de diferentes centros de ensino da cidade de Porto e da comarca para presentar o proxecto de traballo da nosa biblioteca escolar.

Moitas grazas a Regina Gouveia polo obradoiro e moitas grazas ás responsables da biblioteca Almeida Garrett e da Biblioteca Municipal do Porto por recibirnos e presentarnos os espazos e os proxectos destas dúas bibliotecas. Un agradecemento moi especial á profesora Dna. Maria Joao pola súa axuda e entusiasmo na organización desta xornada. Foi un peche moi especial para as actividades da biblioteca neste curso que acaba de rematar, unha visita que nos permitiu achegarnos a outras realidades bibliotecarias e coñecer un pouco mellor o que se fai no ámbito da lectura e das bibliotecas en Portugal.

Boas vacacións e até setembro!

7.6.10

Despedida do club de lectura

O pasado 31 de maio tivemos a última sesión do club de lectura deste curso arredor de cinco relatos do libro 21 relatos contra el acoso escolar. Primeiro xantamos xuntos na cafetería do instituto, cunha sobremesa especial: uns biscoitos aos que nos convidou a nosa compañeira Marta. Xa na biblioteca, logo dunha introdución de Bea sobre os autores dos relatos lidos, vimos a curtamentraxe El encargado, de Nacho Vigalondo e Sergio Barrejón, e comentamos os relatos, que nos levaron tamén a falar de situacións de acoso dentro das aulas, de casos concretos de discriminación a compañeiros e da actitude que temos diante destas situacións.

26.5.10

Última sesión do club de lectura

O próximo luns 31 de maio, de 15:00h a 17:00h, teremos a última sesión do club de lectura Auga da Laxe. Nesta ocasión, dándolle continuidade ao proxecto Derrubando valados que iniciaramos no 2º trimestre, centrarémonos na existencia de valados invisibles dentro do propio instituto a través dun achegamento ao acoso entre iguais. Propuxemos a lectura de cinco relatos do libro 21 relatos contra el acoso escolar, de varios autores. Tedes máis informacón no blog do club de lectura. Con esta sesión rematan as actividades de dinamización da biblioteca para este curso. Queda unicamente a excursión final que teremos co alumnado que máis participou nas actividades e que sumou máis bibliopuntos ao longo do curso. Será o 21 de xuño.

10.5.10

Das pegadas a Novoneyra



As paredes de subida e baixada das escaleiras acolleron durante estas dúas últimas semanas as recomendacións que o profesorado e o alumnado nos fixeron chegar con motivo do Día do Libro. Puidemos así compartir cos demais eses libros que deixan pegada. Retirámolos para deixarlles paso ás pegadas poéticas de Uxío Novoneyra, o autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Como el foi do Courel a Compostela, imos nós das pegadas a Novoneyra.

21.4.10

Libros que deixan pegada


Desde a biblioteca lanzamos esta semana unha proposta coa que pretendemos celebrar o Día do Libro intercambiando recomendacións de lectura. Preparamos unhas pegadas xigantes para recomendar libros que queiramos compartir cos demais, eses libros que nos gustaron moito, que deixaron pegada en nós. Tanto na biblioteca como no punto de lectura podedes recoller esas pegadas para escribir nelas as vosas recomendacións.







9.4.10

Tres memorias de elefante



María Pena (3ºESO-B), Marta Fernández (4ºESO-B) e Sandra Salgueiro (4ºESO-B) foron as gañadoras do xogo Memoria de elefante co que a biblioteca pechou o 2º trimestre. Estas tres alumnas foron quen de recitar de memoria e por orde os 45 títulos das obras de Agustín Fernández Paz que durante máis de un mes estiveron colgados no patio do instituto. Desde a biblioteca, os nosos parabéns!

22.3.10

Día da Poesía: visita de Carlos Negro



Para celebrar o Día Mundial da Poesía, a semana pasada recibimos a visita do poeta Carlos Negro, quen mantivo un encontro co alumnado de 4ºESO. Logo de leren Makinaria e unha selección das outras obras de Carlos Negro, puideron escoitar os poemas do libro recitados polo propio autor e compartir con el outras actividades: falaron de poesía, escoitaron a historia de Frederick -o rato poeta de Leo Lionni-, recitaron breves poemas de amor, rezaron xuntos unha oración de Far-west, rapearon un poema de Makinaria e, finalmente, descubriron o enigma de todos aqueles cochiños de xoguete que Carlos Negro fora colocando enriba da mesa ao longo da sesión... Representaban os 85 mozos menores de 30 anos que morreron o ano pasado en Galicia como consecuencia dun accidente de automóbil. Foron en definitiva, 90 minutos de poesía, música, voz e reflexión nos que Carlos Negro enganchou e sorprendeu. Grazas, Carlos! E grazas tamén a Noelia e Sheila pola presentación e a Álex polo rap de Sound Sessión vol.2.

15.3.10

Homenaxe a Agustín Fernández Paz



Este pasado 13 de marzo asistimos en Pontevedra ao acto que o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra organizou para render homenaxe a Agustín Fernández Paz. O encargado de facer a loanza de Agustín foi o tamén escritor Xavier P. DoCampo, quen, a través dun emotivo discurso escrito en forma de abecedario, foi facendo unha relación moi persoal daquelas palabras que mellor definen a Agustín e a súa obra. Foron palabras e reflexións fermosas, escritas desde a amizade que os une e as moitas experiencias que levan compartido ao longo dos anos.

Tamén na intervención de Agustín houbo espazo para o agradecemento e para a amizade, para as súas lecturas e para os seus lectores e lectoras, para todos os que traballan a prol do libro e a lectura, para as súas obras e para todos aqueles aos que, como lector, tanto lles debe.

Logo dunha intervención da Concelleira de Cultura de Pontevedra, Lola Dopico, pechouse o acto cunha actuación musical da que foron protagonistas Mini e Mero, cunha selección de temas entre os que se puido escoitar o histórico "Irmaus", baseado nun poema de Celso Emilio Ferreiro que aparece citado ao comezo de Valados, o último libro de Agustín Fernández Paz.

Pechaba así esta fin de semana as súas portas a 11ª edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que acolleu tamén unha exposición sobre a figura e a obra do escritor homenaxeado. Desde a biblioteca do IES Auga da Laxe enviámoslle os nosos parabéns a Agustín por esta fermosa e merecida homenaxe.

4.3.10

Sesión do club de lectura


Este pasado luns 1 de marzo celebramos a sesión trimestral do club de lectura do instituto. O libro escollido nesta ocasión foi Valados, de Agustín Fernández Paz. No blog do club de lectura tedes máis fotos e información sobre esta sesión.

26.2.10

MEMORIA DE ELEFANTE



A biblioteca acaba de convocar o xogo do 2º trimestre: Memoria de elefante. Coa colaboración do profesorado de Plástica, Dorinda e Paco, e do alumnado de 1º, 3º e 4ºESO, puxemos dando dúas voltas ao patio interior do instituto uns rótulos cos títulos de todas as obras de Agustín Fernández Paz. O xogo proponlle ao alumnado que queira participar que memoricen todos os títulos: gañará o que consiga dicir por orde e cos ollos tapados o maior número posible de títulos, todos se é posible. Teñen até o 23 de marzo para memorizalos e anotarse. Os días 24 e 25 faremos o concurso nos recreos.



8.2.10

Próxima sesión do club de lectura

O próximo 1 de marzo, luns, teremos a sesión trimestral do club de lectura que organiza a biblioteca. O libro proposto nesta ocasión será Valados, de Agustín Fernández Paz, un libro que fala dos valados visibles e invisibles que separan e enfrontan as persoas por diferentes razóns e da necesidade derrubalos. Como fixemos no trimestre anterior, a sesión comezará ás 15:00h e rematará ás 17:00h. Primeiro xantaremos todos xuntos na cafetería do instituto e logo iremos á biblioteca para conversar sobre a lectura e ver un pequeno documental sobre valados no mundo.

Esta proposta de club de lectura arredor de Valados serve tamén como punto de partida para un proxecto de investigación interdisciplinar que a biblioteca lles acaba de propoñer a todos os departamentos didácticos. Baixo o lema xeral Derrubando valados, propuxémoslle a todo o profesorado que queira sumarse que desenvolva até final de curso algunha actividade relacionada tanto cos valados visibles como cos invisibles. No Departamento de Xeografía e Historia están xa comezando a traballar este tema en 3ºESO e agardamos que nas próximas semanas se vaian sumando outros departamentos.

Aquí podedes ver algunhas imaxes da sesión do trimestre pasado, centrada no libro Barro de Medellín, de Alfredo Gómez Cerdá. Nos próximos días, iremos deixando máis información no blog do club de lectura.